Posmodernidade

Os posmodernos tomaron unha concepción da racionalidade humana e da súa implantación no mundo moderno que fundamentaba unha imaxe sombría da sociedade contemporánea. Aceptan un suposto básico da filosofía de Nietzsche: a idea de que o que se considera verdadeiro é unha imposición, e que a suposta búsqueda da verdade non encubre nada máis que unha vontade de poder. Esta convicción levaba a Nietzsche ao abandono da idea mesma de verdade, a distinción mesma entre verdadeiro e falso.

De Heidegger tomaron a convicción de que a razón que ocupou o centro da filosofía e a cultura modernas, non é outra cousa que un instrumento de dominio, destinado a someter o mundo á vontade do home. Este sometemento quedaría consumado no mundo contemporáneo, un mundo dominado pola cencia e a técnica, e marcado pola destrución da natureza e o sometemento dos homes a sistemas sociais opresivos.

Así, os posmodernos rexeitaban a argumentación, incluida a discusión filosófica, pois toda argumentación (como calqueira outra forma de empregar a razón), non é máis que un acto de forza, un intento de imposición da vontade do suxeito sobre a vontade dos outros.

O posmodernismo orixínase no dominio da harte, en concreto da arquitectura. Oponse ao ideal arquitectónico modernista caraterizado por valorar o funcional e aposta por unha construción futurista que racha decididamente co pasado e que ignora a historia.

O posmodernismo distínguese por:

  • O hiperculturalismo. Revalorización da riqueza e da diversidade histórica e cultural.
  • Rexeitamento das diferenzas xerarquizantes. Aposta pola tolerancia, e é antes relativista e escéptica que dogmática ou fanática. “Declaremos a guerra á totalidade… activemos as diferenzas”.
  • O abandono dos «grandes relatos» de lexitimización da civilización occidental. Afástase da historia xudeocristián, hegelianismo, progresismo da Ilustración, socialismo, evolucionismo, etc. Abandono dunha filosofía racionalista e optimista que parte da perfectibilidade do home e mostra o camiño cara o progreso.
  • Prefire o razoamento analóxico, flexíbel, móbil, débil, …, ao razoamento unívoco, lóxico e normativo.
  • Está a favor dunha economía que, se non de mercado, en todo caso de abundancia e administrada con pragmatismo.
  • Dende a perspectiva dos pensadores postmodernos, a cencia convertiuse en cómplice da dominación. Desenmascarouse a dominación, pero a cencia cómplice, quedou incólume. Pero existe un rexeitamento dunha relación instrumental coa natureza.
  • Parece formar parte do estilo de vida consumista a estilización da vida como obra de arte consumista. Igual que no Renacemento os usurpadores compensaban a súa carencia de lexitimidade mediante a estetificación da política co mecenazco artístico, así das masas de hoxe apodérase unha lexitimidade estética sustitutiva.
  • Ironía, parodia e travestismo. A distancia irónica e o pracer polo lúdico. Fragmentación e indeterminación.
  • Perda do eu e da profundidade. Non se reclama unha mirada privilexiada.
  • A revolución do conceito do tempo e a concencia de viver nunha época de transformación histórica.
  • A acentuación da irrelixiosidade da modernidade.
  • O abandono do conceito de sociedade. Baudrillard nega a idea xeral do social.
  • Rexeitamento do fundacionalismo e tende a ser relativista, irrazoal e nihilista. Seguindo a Nietzsche e Foucault os posmodernista poñen en cuestión os fundamentos porque cren que privilexian a uns grupos e degradan o significado doutros, conferindo o poder a uns grupos para quitarllo a outros.

Na tipoloxía de Habermas a postmodernidade é clasificada en dúas correntes distintas:

  1. Xoves conservadores. Defende en clave modernista un antimodernismo irreconciliábel como Bataille, Foucault, Derrida e o renacemento nietzscheano.
  2. Neoconservadores sen denominación específica. Aceptan o progreso técnico e a idea de crecemento capitalista, pero son desactivados os contidos explosivos da modernidade cultural. Como precursores menciónanse a xoven Wittgenstein, o Benn tardío e a Schmitt.

Para Habermas a postilustración faise cómplice da contrailustración. A afirmación neoconservadora da modernidade social que se atopa en Luhmann é unha versión máis lograda de postmodernismo. Os conservadores proclamaron o final dunha época ao estilo de anteriores revolucionarios e evocaron a grandes precursores:

  1. Nietzsche declarara finalizada a época do cristianismo.
  2. Heidegger o fin da época da metafísica.
  3. Derrida o fin do logocentrismo.

Lyotard

Para Lyotard, Auschwitz é o crime que inagura a posmodernidade.

Para Lyotard os metarrelatos da modernidade atraen cada vez menos adhesión, non son sostibeis aínda que continúen funcionando mecánicamente. A miúdo son a referencia lexítima porque non se dispón de alternativa algunha. Non son depositarios de carga afectiva, que se lles quitou por non ter cumprido coas súas promesas: o mundo que se ten producido co progreso non é o mundo de liberdade, fraternidade e igualdade universais que se prometera.

A historia moderna é unha liña quebrada: as cencias teñen coñecido revolucións radicais e se teñen convertido nas tecnocencias ao vincularse estreitamente ao capitalismo. Non existe nengunha razón que poida asumir e superar o que sucedeu na Segunda Guerra Mundial, con Auschwitz, nen hai sentido algún que poida asimilalo. Ao exceder toda historia aceptábel polos seres humanos, os crimes dos nazis teñen rachado o mesmo sentido da historia.

Para Lyotard, a tecnocencia concede á modernidade a ilusión de perpetuación trunfal do seu ideal, mentres que en realidade non lle aporta liberdade, igualdade, fraternidade, nen xustiza. Subordina o saber ao poder, a cencia ao político e a economía. A súa regra fundamental é que o máis forte ten sempre a razón.


Vattimo

Partindo de Nietzsche, Heidegger e Wittgenstein, Vattimo introduce a consigna do pensamento débil, partindo do recoñecemento da disolución da historia da metafísica e a situación da verdade nun horizonte débil e retórico, onde se experimenta o ser dende o extremo do seu ocaso e disolución.

Para el, a hermenéutica aparece como a linguaxe común da cultura de hoxe en día, porque todo se reduce a xogos de linguaxe e interpretación, e onde a heteroxeneidade do diferente triunfa sobre a identidade do universal.

Para Vattimo, o ser no seu declive é un ser mortal do que só queda a pegada, a lembranza piadosa. O pensamento débil non ten nada que ver cunha unha sensibilidade pesimista ou decadente, nen co ocaso de occidente ou cousas semellantes, pois vén sendo un discurso rigurosamente teórico que concerne ao modo de darse o ser na nosa experiencia.

Vattimo ten unha concepción «débil» da ética, no que os valores, as normas e os deberes carecen de forza. O sistema de valores que cada un profesa móstrase nun contexto de pluradidade, que acentúa a continxencia e caducidade dos mesmos. A nova experiencia dos valores faise consistir en experiencia estética e retórica, onde os conceitos clave da ética: verdade, valor, norma, deber e responsabilidade dilúense en pensamento débil e en hermenéutica que interpreta xogos de linguaxe.

A modernidade é, segundo Vattimo, a época de lexitimación metafísico-historicista, e a posmodernidade é a posta en cuestión de forma explícita de esta forma de lexitimización. Unha vez descuberto que todos os sistemas de valores non son se non producións humanas e cando, para Vattimo, son máis queridos porque son todo o que temos no mundo, a única densidade, espesor e riqueza da nosa experiencia: o único ser.


Fredic Jameson

Jameson di que aínda que a posmodernidade difire de modo importante coa modernidade, coincide en elementos importantes comúns. Dende unha posición marixiana de que o capitalismo (nestes momentos en fase tardía), segue sendo o rasgo dominante do mundo actual, pero creou o posmodernismo como unha nova lóxica cultural. A estrutura económica cultural mantense dende as primeiras formas de capitalismo, pero a lóxica cultural cambiou.

Jameson identifica tres fases na historia do capitalismo:

  1. A primeira foi analizada por Marx e era o do capitalismo de mercado ou do xurdimento dos mercados nacionais unificados.
  2. A fase imperialistaque na que xurdiu unha rede capitalista global, e foi analizada por Lenin.
  3. Finalmente, o capitalismo tardío que implica unha expansión prodixiosa do capital en áreas até agora non mercantilizadas.

Jameson asocia a cultura realista co capitalismo de mercado, a cultura modernista co capitalismo modernista e a cultura posmoderna co capitalismo multinacional.

Para Jameson, a sociedade posmoderna caracterízase básicamente por:

  1. Superficialidade e falla de profundidade. O simulacro sería a copia idéntica da que nunca existiu o orixinal, sendo superficial e falto de profundidade.
  2. Desvaecemento da profundidade e do afecto.
  3. Perda dae historidade, non podendo coñecer o pasado. Non existe un sentido claro do desenrolo histórico ou do transcurso do tempo, estando o pasado e o presente inextricábelmente unidos.
  4. Existe unha nova tecnoloxía asociada coa sociedade posmoderna. Fronte ás tecnoloxías produtivas como as da cadea de montaxe do automóbil, temos o dominio de tecnoloxías reproductivas como a televisión e o ordeador.

Baudrillard

Jean Baudrillard é un dos pensadores posmodernos máis radicais e extravagantes. Ten formación como sociólogo pero a súa obra traspasou hai tempo os límites desta disciplina. A súa primeira etapa ten orientación modernista e marxiana, contendo unha crítica marxiana á sociedade de consumo, pero dende un enfoque da Lingüística e a Semiótica (pode considerarse a súa primeira etapa como un suplemento semiolóxico da teoría económico política de Marx). Posteriormente empezou a criticar o enfoque marxista para finalmente abandonalo.

Baudrillard chegou á conclusión que a perspectiva marxiana era unha imaxe especular da economía política conservadora, os marxistas compartían a mesma visión do mundo que os partidarios conservadores do capitalismo. Marx estaba infectado do virus do pensamento burgués, e o seu enfoque estaba empapado de ideas conservadoras como traballo e valor.

Baudrillard introduciu a idea de intercambio simbólico como alternativa ao intercambio económico, estando claramente á marxe da lóxica do capitalismo, ao que se opoñía. Dicía que témonos movido dunha sociedade dominada polo modo de producción a outra controlada polo código da producción. O obxectivo ten cambiado da explotación e o beneficio á dominación dos signos e os sistemas que os producen. Mentres houbo un tempo no que os signos representaban algo real agora referíanse a pouco máis que a sí mesmos e outros signos (pasando a ser autorreferenciais).

Baudrillard volve a súa reflexión cara o que subsiste (en sentido débil), é dicer, a cultura como imaxe, os cibermedia, a telemática, a hirperrealidade e o simulacro. Segundo as súas ideas a realidade desvaécese en simulacro, incluido as guerras.

Para Baudrillard, o propio capitalismo deslizouse cara o factor do consumo e ten mostrado claramente que na base do valor está o valor simbólico, sígnico, lonxe do que as necesidades naturais impoñen. Non é o traballo nen o consumo o que define ao home, se non o universo de símbolos polo que funciona, o da falsificación, a simulación e a reprodución ilimitada, é dicer, o do simulacro (onde se perde a referencia e, en definitiva, calqueira realidade).

A tecnoloxía sen suxeito puxo o simulacro en primeiro plano, e non hai xa polo tanto o suxeito emancipador. Non hai nada que construir na liquidación do principio de realidade. Onde todo é simulacro, instalado nun universo de relacións simbólicas, só cabe deslizarse entre elas e recoñecer distintos graus de falsificación sen orixinal sustantivo. Non hai nada por riba ou por debaixo do sistema de signos.

Non só hai que resaltar o valor simbólico, se non que hai que suprimir a referencia a un mundo distinto do creado polo intercambio simbólico. Para Baudrillard, non é só que sexa imposíbel distinguir, non é só a imposibilidade dunha ollada, é unha disolución da realidade mesma e da mirada tamén.

Para Baudrillard, o mundo posmoderno está experimentando a desdiferenciación. Tamén se está convertindo en hiperrealidade.

A masa é considerada por Baudrillard como un burato negro que absorbe todo significado, información, comunicación, mensaxes, …, sustraéndolles o significado. As masas seguen malhumoradas o seu camiño ignorando os intentos de manipulalas. A indiferenza, a apatía e a inercia son termos excelentes para describer a unhas masas saturadas de signos mediáticos, simulacros e hiperrealidade. Xa non se considera que as masas están manipuladas por uns medios que se ven obrigados a satisfacer as súas demandas cada vez maiores de obxectos e espectáculos. Dalgún xeito, a sociedade mesma está implosionando no burato negro en que se teñen convertido as masas (a masa implosiona nun burato negro de nihilismo e falla de significado).

Como paso intermedio, Baudrillard deixou de defender o intercambio simbólico como mellor alternativa, polo que comezou a considerar a seducción como principal papel determinante. Comezou a ensalzar o poder e as virtudes da seducción coa súa falla de significado, o seu carácter de xogo e a falla de profundidade, por riba dun mundo caracterizado pola producción. A seducción ofrecería a posibilidade de reencantar as nosas vidas.

Xa na etapa final, empezou a ofrecer unha teoría fatal, sinalando que empezou a buscar a forma acabada de catástrofe futura nunha visita aos EEUU. Partindo do feito que non existía xa esperanza revolucionaria como dixera Marx, nen posibilidade de reformar a sociedade como propuxera Durkheim. O que parece é que estemos nunha vida de simulacións, de hiperrealidade e de implosión de todo nun incomprensíbel burato negro.


Zizek

O pensamento de Zizek articúlase no cruce entre Lacan, Marx e Hegel. Concretamente do segundo Lacan, a herdanza de Althusser interpretando a Marx e o posmarxismo.

Para Zizek, o suxeito é a sustancia reducida ao puro ponto de relación negativa con todos os seus predicados, é a sustancia en canto exclúe toda a riqueza dos seus contidos. Unha sustancia totalmente desustancializada, e na que toda a súa consistencia reside no rexeitamento dos seus predicados. O suxeito é polo tanto Real no sentido de Lacan, un obstáculo para a simbolización, e ten o estatuto dun trauma que impide a plena identificación co mandato simbólico.

Partindo do conceito de antagonismo de Laclau, Zizek di que o antagonismo é o que impide o feche da sociedade, é o límite interno á súa constitución plena. Todo intento de estruturación socio-simbólica é unha tentativa de eludir e controlar o antagonismo, que impide que calqueira destas estabilizacións históricas e continxentes convírtanse en definitivas.

A ideoloxía non é unha ilusión que construimos para fuxir da insuportábel realidade, se non na súa dimensión básica é unha construción da fantasía que fai de suporte a nosa realidade. A súa función non é ofrecernos un ponto de fuga da nosa realidade, se non ofrecernos a realidade mesma como unha fuxida dalgún núcleo traumático real.

Para que a Lei teña éxito na operación de subxeción-subxectivación debe fundarse nunha mancha de irracionalidade traumática e sen sentido adherida a ela, debe conter un compoñente sen sentido, que non é integrábel na identidade simbólica do suxeito, e este resto é á vez a condición de posibilidade da Lei e o seu límite interno.


Para Zizek, o que mantén unida unha comunidade profundamente non é tanto a identificación coa Lei que regula o circuito cotidiano normal desa comunidade, se non a identificación cunha forma específica de transgresión da Lei, da súa suspensión.


Contribución ao pensamento político

No pensamento posmoderno a política perde a súa importancia central, opoñéndose, tamén, a teorías da política integradas.

Pódense distinguir tres posicións posmodernistas en canto á política, segundo Smart:

  1. A máis extremista di que a sociedade moderna foi sustituida por unha sociedade posmoderna. Jean audrillard, Gilles Deleuze e Felix Guattari.
  2. Produciuse un cambio, o posmodernismo como continuación do modernismo. A esta orientación adhírense pensadores marxiáns como Fredic Jameson, Ernesto Laclau e CHantal Mouffe, xunto como a feministas posmodernistas como Nancy Fraser e Linda Nicholson.
  3. Podemos considerar ao modernismo e posmodernismo en vez de como épocas debemos velos como movementos implicados nunha longa serie de relacións na que o posmodernismo non deixa de sinalar as limitacións do modernismo.

Perfílanse certos rasgos caracterísiticos en referencia ao pensamento moderno e política:

  1. Desustancialización do poder. A modernidade clásica concibe ao poder e a dominación verticalmente, pero pásase a unha concepción horizontal sen sede instituzoal da soberanía. Existe unha sustitución do poder pola negociación. O estado desencantado como modelo da modernidade tardía só cumpría unha función de coordinación. As análises do poder na modernidade tardía entendéronse como análises reticulares. Até entón, Occidente considerara o poder de xeito predominantemente xurídico e negativo. O fin último era desenmascarar o lado técnico-positivo do poder, fluidificando o poder, sendo o obxectivo da crítica do poder non xa o mesmo sistema político. O estado foi declarado superestrutura, pero non económica (tal e como dixeran os teóricos marxistas), se non superestrutura dunha serie de completa de redes de poder que á súa vez son condizoadas por unha especie de superpoder estruturado en torno a unha grande número de funcións de prohibición. Para Foucault a verdade centífica non está fora do poder nen existe sen o poder, sendo algo deste mundo. A verdade regula o poder, aceptando diversos discursos que presenta como os verdadeiros, fixando o modo de sancionar as opinións diverxentes. O poder non é unha institución nen unha estrutura de senbtido das teorías da modernidade clásica, se non unha situación estratéxica complexa.
  2. Radicalización da crítica á tecnocracia dos postestruturalistas franceses entra en concordancia coas da escola de Frankfurt. Lyotard opinara que Adorno anticipaba en certos aspectos certas posturas do Posmodernismo, a pesar de que Adorno manifestara rexeitamento de moitas posturas dese movemento.
  3. Intensificación do conceito de pluralismo, que era un conceito que na modernidade clásica concebíase como armónico. No posmodernismo a inconmensurabilidade convertiuse nun conceito básico para a análise do pluralismo. Co lema da subsidariedade e non do pluralismo articúlanse subsidariamente as culturas e non a arbitrariedade multicultural, signo da cultura mundial que vén.
  4. Fin da teoría da revolución. Co pathos revolucionario caen baixo sospeita o internacionalismo e o cosmopolitismo da modernidade clásica, e a multinacionalidade tómase en serio nun sentido máis inmediato.
  5. Revalorización das minorías e crítica do principio de maioría. Calqueira é ceibe de se pór do lado dese afectado quedando exentos do deber de lealdade.
  6. Fin das teorías de lexitimización. As teorías de lexitimización da modernidade clásica considéranse como como teorías da dominación. Xa Weber non cría nun dereito natural nen nunha mensaxe relixiosa, polo que cargou na súa teoría sobre a problemática da lexitimización do estado. O problema da lexitimidade non xorde até que a lexitimidade dun sistema fíxose problemática. A socioloxía da modernidade clásica en grande medida era unha socioloxía da dominación e non do consenso. Lyotard entendeu a retirada da lexitimidade local como reacción de resistencia fronte ás consecuencias devastadoras do imperialismo (a reconstrución do mercado mundial despois da Segunda Guerra Mundial levou a relacións de dominación que privaron de posibilidades ao cosmopolitismo).

Crítica á teoría social posmoderna

Os detractores das teorías posmodernas e posestruturais déixanse levar polo que pode interpretarse como unha rabia incontrolada. John O’Neill fala da insania do posmodernismo, afirmando que ofrece un ceo negro de disparates e un camiño sen saída para a mente.

As críticas principais a estas teorías posmodernas poderían ser:

  1. As ideas posmodernas soen ser tan vagas e abstractas que é difícil, se non imposíbel, conectalas co mundo social.
  2. Ao non interesarse polo suxeito nen pola subxectividade carecen dunha teoría da acción.
  3. Conducen ao pesimismo máis profundo.
  4. Os posmodernistas teñen moita habilidade para criticar á sociedade, pero n on teñen unha visión de como debería ser esa sociedade.
  5. Ao non producir un corpo de ideas centíficas, a súa teoría social debería ser considerada como unha ideoloxía.
  6. Como non están constreñidos polas normas da cencia, son libres de facer o que lles apeteza, simplemente xogar cunha ampla serie de ideas. Non cumpren os requisitos centíficos modernos, pois son evitados polos posmodernos.
  7. Critican ás grandes narracións modernas pero moitas veces desenvolven as súas narrativas propias sen fundamentación.